top of page

IRMÁNS

Picsart_24-03-25_00-52-12-875_edited.jpg

CABALLERO

JOSE CABALLERO FERNÁNDEZ

Director e mestre de gaita

Nado en Salceda de Caselas (Galicia) no ano 1974, a súa formación no ámbito da música comezou en 1980 (con tan só 6 anos) da man do seu avó Manuel Caballero Urceira, máis coñecido como “O Paratán”, afamado gaiteiro naqueles tempos. Nese periodo comezou a participar en distintas agrupacións de música tradicional como o Grupo de Gaitas o Freixo de Entenza ou o Grupo Folclórico de Baldráns entre outros.

Xa no ano 1986, comezou os estudos de linguaxe musical no Conservatorio de Música Profesional de Pontevedra á vez que recibiu clases de clarinete na Escola Municipal de Tui e na Escola Municipal de Salceda de Caselas. Nesta estapa combinou a música clásica coa música tradicional, participando ao longo de 10 anos na Banda de Música Cultural de Salceda desempeñando o papel de terceiro, segundo, primeiro, clarinete principal e solista de dita agrupación.

No referente á música tradicional, formou parte da Banda de Gaitas Xarabal e cursou a especialidade de Gaita no Conservatorio de Música Profesional de Tui, onde adquiriu e perfeccionou os seus coñecementos no mundo da gaita, tanto a nivel de afinación, limpeza e claridade na execución de melodías como a nivel da execución de grupo.

En 1996 comezou a súa aventura como mestre de música tradicional galega, pois creou un pequeno grupo formado por familiares e veciños. A partir de ahí foi chamado para impartir clases nos centros culturais de Alxén e Cabreira pertencentes ao concello de Salvaterra de Miño. O ano seguinte (1997) fundou a Banda de Gaitas de Entenza (Salceda de Caselas) e posteriormente dirixiu a Banda de Gaitas Novos Aires de Couso (Gondomar), Banda de Gaitas Sao Tiago de Cardielos (Viana do Castelo), Banda de Gaitas de Paramos (Tui) e Banda de Gaitas A Insua de Caldelas (Tui) coas que obtivo diversos premios musicais e para as que compón temas propios e identificativos de cada unha delas como: O Paratán (Rumba), Foliada para Olivia, Pedándeo (muiñeira), muiñeira das Penizas, Rumba a Paramos, Cabreira (pasodobre), Pasacorredoiras de Couso, etc.

Na actualidade, atópase á fronte destas tres últimas:  Sao Tiago de Cardielos (20 anos de historia), Banda de Paramos (17 anos de recorrido) e A Insua (con 6 anos de vida).

SERGIO CABALLERO FERNÁNDEZ

Mestre de percusión

Nado en Salceda de Caselas (Galicia) no ano 1985, a súa carreira musical coa gaita e a percusión tradicional comeza aos 8 anos no “Grupo de Gaitas os Cativos de Entenza”, grupo de nenos da parroquia ensinados polo seu irmán Jose Manuel Caballero Fernández. Este grupo foi crecendo ata que no ano 1997 se formou a Banda de Gaitas de Entenza (Salceda de Caselas) dirixida tamén polo seu irmán e tendo como mestre de percusión a Alberto Costas. 

 

Ademais, neste periodo tamén comezou a colaborar en distintas agrupacións de música tradicional coma o grupo "Airiños do Condado" que dirixía o seu tío Salvador Caballero ou a Banda de Gaitas Xarabal de Vigo, na que entrou no ano 1996 e participou ata os 17 anos. 

 

No ano 1999 comeza a súa traxectoria como mestre de percusión no grupo de gaitas e baile San Paio de Alxén, Salvaterra de Miño, onde estivo ata o ano 2021. A este séguenlle outras agrupacións como a Banda de Gaitas novos aires de Couso onde comezou a dar clase de percusión no ano 2002 e a Banda de Gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei no ano 2012. 

 

É no ano 2013 cando recibe a chamada da Banda de Gaitas de Paramos para ser o mestre de percusión.

No ano 2015, comeza a aprender un instrumento novo para interpretar nas bandas de gaitas e darlle así un aire máis moderno. Este sería a batería, tendo como mestres a Quique Silva e a Jesús Alonso Fernández (Suso Feixón).

 

Tamén, no 2018 comeza a súa aventura no mundo das treboadas, máis concretamente no Trebón dos Xidos (o Rosal), onde a día de hoxe segue impartindo clase, tanto de bombo, como de tambor e pandeireta.

 

No ano 2019, xunto ao seu irmán José Manuel, forman a Banda de gaitas a Insua de Caldelas (Tui). Así pois, podemos dicir que, actualmente, segue activo con esta banda (Banda de Gaitas A Insua), coa Banda de Gaitas de Paramos, co Trebrón dos Xidos e de vez en cando colabora coa Banda de Gaitas Sao Thiago de Cardielos (Viana de Castelo).

bottom of page